Galicia sitúase como a terceira comunidade con menor débeda autonómica por habitante

Neste sentido, os datos do Banco de España publicados esta semana mostran que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. Así, Galicia baixou medio punto o seu endebedamento público no segundo trimestre do ano, cun descenso de 201 millóns de euros no seu volume global e sitúase como a quinta comunidade con menor endebedamento de España, a terceira se se exclúen as comunidades de réxime foral.
A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,6%, cinco décimas por debaixo da rexistrada no primeiro trimestre (19,1%) e catro décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior (19,0%). Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,7%) aumenta ata os 6,1 puntos, cando a peche do exercicio 2008 estaba igualado á media.
A xestión rigorosa da Administración galega ten evitado que Galicia emitise uns 3.800 millóns de euros, xa que Galicia continúa sendo a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda nos últimos dez anos.
R.