Galicia lidera a caída do paro en España no último ano cunha baixada do 9,64%, o dobre que a rexistrada en setembro de 2017

Con respecto ás cotizacións, Toca sinalou que Galicia supera o millón de afiliados á Seguridade Social por cuarto mes consecutivo. Aumentan nun 2,18%, o que supón 21.628 cotizacións máis, a maior subida desde 2007. Toca fixo fincapé en que Galicia leva 11 meses rexistrando unha subida nas afiliacións que se sitúa por encima das 20.000. Tamén resaltou que a Comunidade galega suma máis de 4 anos de incrementos consecutivos.
En canto ao número de contratos, os indefinidos na evolución anual medran un 26,98%, 2.103 contratos máis, fronte ao descenso da contratación temporal nun -1,87%. A tempo completo aumenta nun 3,20%, con 1.860 contratos máis, mentres que a tempo parcial descende nun 2,70%.
Na comparativa con España, a secretaria xeral de Emprego indicou que o ritmo de subida da contratación indefinida é superior en Galicia que en España, en máis de 6,1 puntos. Apuntou, ademais, que os contratos en xeral aumentan en Galicia, mentres baixan en España.
Toca sinalou, así mesmo, que o desemprego baixa en todos os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo. Nos menores de 30 anos baixa nun -11,07%; nos parados de longa duración nun -9,06%; e nas mulleres nun -7,64%. O paro tamén cae nas catro provincias galegas, nas 7 grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-19,82%), seguido da agricultura e da pesca (-18,32%), da industria (-11,80%) e dos servizos (-7,52%).
Con respecto ás catro provincias, lidera a caída do desemprego a de Pontevedra (-12,21%), seguida de Ourense (-8,55%); A Coruña (-7,86%); e Lugo (-7,55%).
Evolución mensual
A secretaria xeral de Emprego tamén valorou a subida do paro na evolución mensual nun 1,15%, destacando que este aumento do paro é inferior á media rexistrada nos meses de setembro dos últimos 10 anos. Indicou que na evolución mensual a contratación indefinida tamén medra fronte ao descenso da temporal, como tamén ocorre na evolución anual, o que, en palabras de Toca, reafirma a consolidación dun emprego estable e de calidade. O paro baixa en todos os sectores excepto no sector servizos, o que confirma que a subida do paro en setembro está asociada á caída do emprego estacional.
A secretaria xeral de Emprego, en resumo, afirmou que o compromiso do Goberno galego pola creación de emprego de calidade é firme, sinalando que os datos están a avaliar o traballo e esforzo por incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e por que esas oportunidades sexan cada vez mellores. Apuntou que o empeño do Goberno galego, unido ao seu rigor e á estabilidade están contribuíndo á mellora da economía galega. Sinalou que Galicia vai “na boa dirección” con máis de 41.000 afiliados nos dous último anos, ao tempo que afirmou que a Comunidade galega está a aproximar a taxa de paro ao 10%.
Para rematar, fixo fincapé en que a coherencia do equipo de Goberno galego seguirá trasladándose ás políticas activas de emprego para desenvolver programas que contribúan a impulsar a formación, apostando pola formación dual, que combina unha cualificación de calidade e un compromiso de contratación por parte das empresas.
R.