Galicia pecha outubro coa maior subida nas afiliacións desde 2007 e cunha caída do paro superior á do Estado en máis de 2,57 puntos

A Comunidade galega pechou outubro con menos desemprego, máis afiliacións á Seguridade Social e máis contratación indefinida e a tempo completo na evolución anual.
Así, Galicia conta con 16.159 parados menos, o que supón unha baixada do 8,69% e o que sitúa á Comunidade en niveis de desemprego de hai unha década. A caída do paro supera en máis de dous puntos e medio a baixada rexistrada en España (-6,12%) e en máis de dous puntos o descenso acadado na Comunidade galega en outubro de 2017. Ademais, xa son 5 anos de baixadas consecutivas do paro na evolución anual, desde novembro de 2013.
As afiliacións á Seguridade Social continúan superando a barreira do millón (1.013.198 afiliacións) por quinto mes consecutivo (desde xuño). Con respecto a hai un ano, crecen nun 2,35% (+23.294 afiliacións), o que supón a maior subida desde 2007.
Con respecto ás contratacións, en xeral medran nun 9,08% aumentando a indefinida nun 26,34% e a tempo completo nun 11,78%. A indefinida, ademais, crece a maior ritmo que en España (+19,64%), o que supón 6,7 puntos máis.
O paro tamén baixa entre os colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo como son os menores de 30 anos (-9,99%); parados de longa duración (-9,45%); e mulleres (-7,15%). Hai tamén menos número de parados nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade liderando o descenso a construción (-18,95%), seguido da industria (-11,80%); da agricultura e a pesca (-9,36%); e os servizos (-6,77%). Con respecto ao dato provincial, lidera a caída do paro Pontevedra (-10,21%), seguida de Lugo (-9,11%), da Coruña (-8,76%) e de Ourense (-2,49%).
Evolución mensual
Con respecto á evolución mensual, a secretaria xeral de Emprego indicou que o incremento é o segundo menor de toda a serie histórica e é inferior á media rexistrada desde o inicio da crise, lembrando que o paro sempre medra en Galicia nos meses de outubro e que é unha subida asociada á caída do emprego estacional do verán, alongado polo bo tempo. Pese ao incremento do paro, a contratación indefinida medrou nun 1,56% e a tempo completo nun 3,01%.
Toca sinalou que o Goberno galego segue traballando para cumprir cos obxectivos da Axenda 20 cun Orzamento para 2019 centrado no emprego e a formación cun incremento do 7% nas partidas económicas destes eidos ata chegar aos 255,5 millóns de euros. O reto, en palabras da secretaria xeral, é seguir creando máis e mellores postos de traballo dando resposta, a través dunha formación dual e flexible, ao emprego que vén.
Así, en 2019 impulsaranse programas pioneiros que xa se puxeron en marcha e que están dando bos resultados como as Unidades Formativas na Empresa, ao tempo que se activarán novos plans para dar unha segunda oportunidade aos mozos sen cualificación para o que se investirán 9 millóns de euros para beneficiar a 1.000 novos ao ano.
Asegurou tamén que se continuará prestando maior atención aos colectivos que máis o precisan como son as mulleres, os parados de longa duración e as persoas en risco de exclusión para os que se destinarán 40 millóns de euros.
A responsable de Emprego afirmou, por último, que o Goberno galego está centrado en mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas e, por iso, sinalou que é preciso continuar creando máis emprego estable a través da mellora da competitividade do tecido empresarial.
R.