Galicia pide ao goberno que rectifique e transfira a Galicia os 100M€ para formación que lle corresponden e que estaban dirixidos a reactivar o mercado laboral tras o Covid-19
“O paro incrementouse en Galicia en marzo e por iso é tan importante que poidamos dar resposta aos demandantes de emprego. Neste contexto a clave son as políticas activas de emprego, a través da formación e a orientación”, explicou Conde e, tras pedir unha rectificación do Goberno, engadiu: “Galicia non pode renunciar a eses fondos para 2020, trátase dunha invasión de competencias do Executivo na que as persoas que buscan emprego sairán perdendo por unha mala xestión do Goberno central”.A Xunta seguirá traballando en medidas que axuden a paliar esta situación, como a liña de préstamos para mobilizar 250M€ no tecido empresarial; o aprazamento das cotas de amortización e xuros; a suspensión de prazos para a presentación de varios impostos; ou dotando de maior liquidez á tesourería para axilizar o pagamento a provedores.
Conde informou esta mañá dos datos de paro rexistrado en marzo e explicou que a pesar de que a Comunidade encadeaba seis anos consecutivos de caída do paro interanual nun mes de marzo e descensos intermensuais desde o 2013, estas series positivas vense alteradas polas consecuencias que a crise sanitaria do COVID-19 está tendo na economía e no emprego.
Deste xeito, Galicia pechou marzo de 2020 con 3640 desempregados máis que hai un ano, o que supón unha suba do 2,13%. Aínda así, o nivel de desemprego é moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en marzo de 2009 había 211.484 parados fronte aos 174.481 actuais.
A Comunidade, ademais, é a que rexistra un mellor comportamento a nivel estatal, ao ser a rexión na que menos sobe o paro en termos relativos fronte ao 9,01% da media española.
A Comunidade foi capaz de amortecer o máximo posible o impacto do coronavirus, xa que a pesar da suba, trátase do menor aumento interanual –tanto relativo como absoluto– nun mes de marzo comparado cos incrementos rexistrados nos anos máis duros da crise económica.
A pesar deste contexto de parálise na actividade económica que repercute no mercado laboral galego e que provoca que os datos non sexan representativos da tendencia positiva que rexistraba Galicia a principios deste ano, aparecen datos positivos como o descenso do paro nas cidades de Lugo (-0,98%) e Ourense (-0,03%); no sector primario (-3,57%); e nun dos colectivos prioritarios para a Xunta: os parados de longa duración (-2,18%).
En canto ás afiliacións, aínda que Galicia rexistra un lixeiro descenso do -0,18% (1781 cotizantes menos no último ano), a Comunidade mantense por riba do millón de afiliados (suma xa 13 meses consecutivos). A baixada na media do Estado sitúase no -0,19%.
“Nun contexto de enorme dificultade económica e social Galicia ten demostrado que as súas políticas en materia económica e industrial e a estabilidade política e institucional da Comunidade permítenlle ter un comportamento mellor que o conxunto do país, o que nos permite afrontar de mellor forma este impacto”, asegurou.
No que respecta á evolución mensual, Conde indicou que o desemprego aumenta un 4,96% con respecto a febreiro –sumando un total de 8252 desempregados máis–, pero é a Comunidade na que menos sobe en termos relativos. Este aumento concéntrase no sector servizos con 4 de cada 5 novos parados. Pola contra, o sector primario acada un descenso do paro do
-1,31%.
Servizo de Emprego
A Xunta acordou o peche das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia para a atención presencial, un servizo que se ofrece vía telefónica e telemática para as tramitacións urxentes. Cómpre lembrar que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril.
R.
