Convocado o bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero

Concretamente, poden acollerse a estas subvencións para o alugueiro as mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e dependencia económica do seu agresor; as vítimas de casos de trata con fins de explotación sexual, nunha relación de dependencia da persoa que mantivera sobre ela unha relación de dominación; as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa con resultado de morte -isto é, aquelas que sufran o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador-; e as fillas e fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor.
A contía do Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero será de 225, 200 ou 175 euros mensuais, segundo o concello no que se atopa a vivenda alugada. Esta axuda equivale ao 50 por cento do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro da vivenda en cada zona, que será de 450 euros ao mes nas sete grandes cidades, de 400 euros nos concellos de carácter urbano e de 350 nos de tipo rural. As bases publicadas no DOG do 24 de abril de 2019 inclúen a lista de concellos en que se aplica cada importe máximo.
O Bono concederase por un período inicial de 12 meses, prorrogable dúas veces máis pola mesma duración, de maneira que a vixencia máxima da subvención será de ata tres anos.
Así mesmo, os beneficiarios poderán pedir tamén unha axuda complementaria, de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, que se destinarán a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.
As solicitudes para optar á convocatoria 2020 do Bono de Alugueiro Social destinado a vítimas de violencia de xénero, fillos dependentes e vítimas de trata con fins de explotación sexual deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
R.