Galicia crea emprego por cuarto mes consecutivo, con 7.126 novos cotizantes, aínda que sobe lixeiramente o número de desempregados

Por outra parte, en Galicia aumenta o desemprego en agosto nun 0,94% con respecto ao mes de xullo, o que supón 1.640 persoas máis no paro, na liña da media estatal, onde o desemprego se incrementa nun 0,79%. Aínda así Galicia logra reducir as cifras do paro na construción (-1%) e a agricultura e a pesca (-0,07%).
No tocante á evolución anual, Toca indicou que Galicia encadeaba seis anos consecutivos de baixadas interanuais nun mes de agosto, que se ven interrompidos polos efectos da covid-19. Así, Galicia suma 23.131 persoas máis desempregadas (un 15,04% máis que hai un ano), 7 de cada 10 do sector servizos, onde se concentran 16.375 desempregados. Aínda así, nun contexto no que o paro internanual aumenta en todas as comunidades autónomas, Galicia é a terceira en termos relativos na que menos sobe, nove puntos por debaixo da media estatal, que se sitúa nun 24,04%.
Aposta polo diálogo social
Toca lembrou que unha das prioridades da Xunta é impulsar a reconstrución económica e que, para logralo, é fundamental apoiar a creación de emprego de calidade. Neste sentido, destacou a importancia do diálogo social como ferramenta para trazar os obxectivos e deseñar as medidas que permitan superar a crise provocada pola covid-19.
Así, referiuse ás accións postas en marcha froito do diálogo social, como facilitar aos afectados por Erte o cobro do anticipo da súa nómina, activar as axudas para completar as prestacións de menor contía dos traballadores afectados por Ertes e para as persoas a partir de 55 anos que perderon o seu emprego, a posta en marcha dun novo programa de formación dixital para parados de máis de 45 anos ou un paquete de medidas extraordinarias de conciliación para as familias.
R.