Galicia urxe a alcanzar rapidamente un acordo sobre o instrumento europeo de recuperación para que se poidan mobilizar os novos fondos

Por primeira vez, un pleno do CdR contou coa participación da Presidencia do Consello da Unión, que actualmente corresponde á chanceler alemá, Angela Merkel. Tamén participou por primeira vez a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, quen puxo en valor a resposta dos entes locais e rexionais durante a xestión da crise e recalcou a importancia das administracións locais e rexionais á hora de aplicar o Next Generation EU, xa que, segundo Von der Leyen, o obxectivo deste instrumento non é unicamente económico, senón que haberá de servir para “mellorar o aire que respiramos nas nosas cidades ou para axudar ás pequenas empresas a adoptar solucións dixitais”.
Recomendacións sobre 26 medidas lexislativas e debate con catro comisarios
Este pleno caracterizouse por unha axenda moi cargada, na que destacan os debates cos comisarios responsables do Pacto Verde Europeo, Cohesión, Economía e Emprego, ademais de co presidente do Banco Europeo de Investimentos. Os membros do CdR tiveron así a oportunidade de avaliar a posible contribución da UE aos esforzos de recuperación locais e rexionais.
Durante os tres días (12-14 de outubro) do pleno do CDR, os membros desta asemblea tamén debateron e aprobaron ditames sobre vinte e seis dossieres da axenda comunitaria como a nova estratexia industrial europea, o libro branco sobre a Intelixencia Artificial ou o Plan de Acción sobre Economía Circular. Galicia presentou 18 emendas a cinco destes ditames.
Participación de Galicia no Comité Europeo das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.
R.