A economía galega baixou no ano 2020 por mor da covid-19 un 8,9%

Desde o punto de vista da demanda, no ano 2020 a formación bruta de capital baixou un 13,2% e o gasto en consumo final diminuíu un 7,4%. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos baixaron un 5,8% e as importacións de bens e servizos caeron un 4,6%.
No que respecta á oferta, todos os sectores rexistraron taxas de variación negativas. O sector da construción baixa un 12,6%, o sector industrial un 8,6%, os servizos diminúen un 8,1%, e o sector primario descende un 3,3%.
Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego -medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- diminuíu un 8,0% no 2020. As ramas de actividade nas que máis baixou foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalería (-15,3%) e as actividades artísticas, recreativas e outros servizos (- 10,1%).
R.