Noticias
-
O número de parados -150.062- é o máis baixo nun mes de abril de toda a serie histórica (1996) e o menor desde o verán do ano 2008. Ademais, a caída na evolución anual do -11,81% é tamén a maior desde 1996. Con respecto a abril de 2021, o desemprego tamén cae nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos, liderando o descenso a industria (-15,47%), seguido da construción (-14,47%), dos servizos (-12,29%) e da agricultura e a pesca (-7,35%).
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, solicitou esta mañá ao Goberno que permita a participación tanto do tecido económico como das comunidades autónomas na xestión dos fondos europeos Next Generation para poder axustar estes apoios á realidade de cada sector e de cada territorio. Conde participou na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas que se celebrou en Madrid co obxectivo de abordar a situación actual destes fondos. O vicepresidente económico reiterou a solicitude dunha maior cogobernanza nos Next Generation tendo en conta a experiencia das comunidades autónomas na xestión de recursos comunitarios.
-
A Xunta de Galicia presenta as novas convocatorias dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, cun importe de 4,3 millóns de euros, que permitirán mobilizar 8,6 millóns, e que chegarán a unhas 90 pemes e microempresas galegas e lles permitirán introducir as vantaxes da innovación nos seus procesos de organización, produtos e servizos. Así, a Administración Autonómica segue a traballar pola mellora na competitividade das empresas galegas, favorecendo a innovación no tecido empresarial da nosa comunidade, especialmente nas empresas máis pequenas, que habitualmente atopan máis atrancos neste ámbito.
-
Cae o desemprego en Galicia, e creceron as afiliacións e a contratación na evolución mensual e anualGalicia cun descenso de 1.173 persoas é a terceira comunidade autónoma na que máis caeu o paro con respecto a febreiro; e a cuarta en termos relativos cun -0,76% menos de paro. En Galicia baixou o paro e aumentaron as afiliacións e a contratación tanto na evolución anual como mensual, pese ao actual contexto socioeconómico de incerteza xerado pola guerra de Ucraína, a suba enerxética e a folga de transportes. Con respecto ao inicio da pandemia (febreiro de 2020), Galicia (-7,76%) continúa cunha baixada do paro maior que a rexistrada no Estado (-4,23%) con 3,23 puntos de vantaxe. Na evolución anual, cunha caída do -15,15%, o paro volve a baixar en marzo tras as subidas experimentadas en 2020 e 2021 polo efecto da covid-19.
-
Galicia pechou o ano 2021 como a terceira comunidade autónoma de réxime común con menor ratio débeda/PIB, logo de reducir este indicador un punto en relación ao ano anterior, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao cuarto trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España.En concreto, a ratio débeda/PIB de Galicia baixou ata o 18,5%, en niveis prepandemia, fronte ao dato do 19,5% do peche do ano 2020. Desta forma, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma galega como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Uvigo, presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2022. Nel destácase que 'Galicia consolida a reactivación económica' aínda que a súa recuperación 'segue a ser incompleta'. O documento, elaborado trimestralmente polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos profesores da Universidade de Vigo) e Fernando González Laxe e José Francisco Armesto, 'debuxa un escenario de consolidación da reactivación económica ao presentar unha medra do 5,2%, o que supón unha décima máis que a media española', segundo indican en nota de prensa desde o foro.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o reforzo do Plan de Choque da Xunta co compromiso de axudas directas para os sectores agropecuarios máis afectados pola alza descontrolada dos prezos derivada da invasión rusa de Ucraína, no caso de Galicia especialmente o sector do vacún de carne e de leite. Tamén se reforzou este plan coa ampliación do Programa Renove Automoción. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo instou ao Estado a deseñar conxuntamente coas comunidades un paquete de axudas directas destinadas ao conxunto do sector gandeiro español, tendo en conta a súa importancia económica, social e medioambiental en Galicia.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha dun plan de choque para paliar a situación económica agravada pola guerra en Ucraína, coa ampliación do bono social térmico e con medidas específicas para o rural e a pesca. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo referiuse en primeiro lugar á axilización do lanzamento do bono social térmico, que beneficiará a máis de 66.400 familias que recibirán un ingreso único para os gastos de calefacción, auga quente e cociña.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa que o Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva. Logo de cualificar este Plan como un 'documento de país' e como 'unha ferramenta útil', o presidente da Xunta incidiu en que 'sen planificación só pode haber improvisación'. Deste xeito, no tocante ás principais prioridades, Feijóo incidiu en que este Plan prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual e que nesta década se reduza 4 puntos a taxa de paro e que cara ao ano 2030 baixe ata o entorno do 8%.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe que a candidatura galega ao Perte de enerxías renovables, que o Goberno aprobou o pasado mes de decembro, suma iniciativas que poderían chegar a mobilizar máis de 3800M€ e conta coa colaboración de empresas de referencia no sector como Naturgy, Iberdrola, EDP Renovables, Navantia e Repsol, ademais de prestar especial atención ás pemes. O Perte de enerxías renovables convocado polo Goberno prevé mobilizar un investimento público-privado de 16.370M€ e a creación de 280.000 postos de traballo.