Noticias
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou á vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, de aportar solucións á crise industrial e apostar por proxectos que modernicen a economía e consoliden o emprego. Durante a xuntanza, Feijóo referiuse deste xeito a distintos asuntos clave para a Comunidade, como a distribución dos fondos Next Generation, a dixitalización, a inclusión financeira ou a prolongación das deducións fiscais do Xacobeo ata 2023.
-
Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de agosto evidencian que Galicia continúa a resistir á covid-19. Non só polos preto de 15.000 parados menos rexistrados respecto de febreiro de 2020 (mes anterior á irrupción da pandemia), senón porque a comunidade é a única que encadea oito meses de baixada do paro mensual desde xaneiro e acada un descenso do desemprego respecto a agosto de 2020 (interanual) nunca visto desde que existen datos. Ademais consegue crear emprego ao elevar as afiliacións o mes pasado, cando no Estado descenderon un 0,60% fronte a xullo.
-
A economía galega creceu no segundo trimestre do ano un 17,5%, o que supón o mellor rexistro da serie histórica, polo que a taxa interanual volve a ser positiva por primeira vez desde o inicio da pandemia da Covid-19. En canto á taxa intertrimestral, o PIB galego medrou un 3% entre abril e xuño, dúas décimas máis que a media de España. Así o reflicten os datos da contabilidade trimestral que publica hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE).
-
Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de xullo confirman, tal e como valorou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, que Galicia non só segue a resistir á covid-19 (hai preto de 40.000 parados menos que en abril de 2020, que marca o impacto inicial da crise sanitaria), senón que a cifra de parados rexistrada en xullo (151.934) é menor á de febreiro de 2020 (166.229), xusto antes do inicio da covid-19. O desemprego, ademais, baixou tanto na evolución anual como mensual e nas catro provincias e sete grandes cidades, nas mulleres, nos menores de 30 e maiores de 44 anos e nos principais sectores económicos.
-
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o exercicio 2022 que ascende a 11.571 millóns de euros, e que foi aprobado na Cámara autonómica. Valeriano Martínez cualificou este teito de “prudente e rigoroso” e explicou que ten tres prioridades: dar por superada a pandemia en termos sanitarios, seguir reactivando a actividade económica e o emprego, e garantir a protección e o benestar das familias e das empresas. Ademais, o conselleiro tamén subliñou que permitirá recuperar “a mediados do ano 2022 o nivel de riqueza precovid”, antes que a media de España.
-
Zona Franca de Vigo presentou o Informe Económico e de Competitividade de Ardán 2021, elaborado en colaboración coa agrupación estratéxica Ecobas e o Grupo Gen da Universidade de Vigo. Nel preséntase un monográfico que aborda 'a excepcional situación' que provocou a pandemia da covid-19 e 'pon de relevancia que Galicia sufriu un impacto menor que o conxunto de España en perda de riqueza'. O documento, 'o primeiro informe sobre os efectos da pandemia da covid-19 na economía galega' segundo indican en nota de prensa desde Zona Franca, foi presentado por David Regades, delegado do estado, acompañado por parte da Universidade de Vigo do catedrático Santiago Lago e do profesor Xavier Martínez Cobas.
-
A Xunta ven de activar oficialmente a súa plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono, unha ferramenta novidosa prevista na Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas para loitar contra o despoboamento e reactivar estas zonas da Comunidade. A plataforma está dispoñible desde hoxe, se ben polo momento, tan só ofrece información relativa a inmobles localizados en Sober, o concello escollido para realizar a experiencia piloto de lanzamento. Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou municipio lucense para presentar a iniciativa e animar ao resto de entidades locais galegas con núcleos rurais en situación de abandono a sumarse e seguir o exemplo de Sober, concello pioneiro en canto ao uso e aproveitamento desta nova ferramenta dixital co obxectivo de atraer poboación.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense da Universidade de Vigo polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), reuniu este venres na xornada A Galicia Dixital de 2040 'a un nutrido grupo de expertos tecnolóxicos para dar resposta ás preguntas chave sobre o estado de dixitalización da economía galega'. Nela, os seus especialistas advertiron de que 'nos próximos 20 anos con seguridade produciranse transformacións tecnolóxicas a unha escala maior do coñecido'.
-
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe en sede parlamentaria que o próximo venres o DOG publicará as bases da convocatoria do 3º Plan de Rescate co que a Xunta porá a dispor de autónomos e empresas 234,4 millóns de euros de fondos transferidos polo Estado. Con estes novos apoios directos do 3º Plan, aprobado en Consello o 2 de xuño, a Xunta, a través dos diferentes departamentos, terá posto a dispor de autónomos e empresas máis de 560 millóns de euros en axudas directas.
-
O paro baixou en Galicia e as afiliacións á Seguridade Social e a contratación aumentaron na evolución anual e mensual. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, quen indicou que o mercado laboral galego continúa resistindo á covid 19. Explicou que hai menos paro que ao inicio da pandemia, 26.323 parados menos que en abril de 2020, o que supón un descenso do -13,74%. Na evolución anual, Galicia lidera a caída do paro no Estado cunha baixada do 13,49%, o que supón, ademais, un diferencial de 11,5 puntos coa media de descenso do paro rexistrada en España. Invértese a tendencia negativa do 2020 e baixa o paro por segundo mes consecutivo.