Noticias
-
Foi presentada en Pontevedra a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego no marco do Salón da oferta e da educación e formación de Galicia -Edugal- que hoxe se inaugurou. A Axenda Galega das Capacidades para o Emprego responde á estratexia da Comisión Europea que establece os obxectivos de capacitación e reciclaxe profesional para os próximos cinco anos a través de doce accións centradas nas capacidades para o emprego. Do que se trata é de asegurar que as persoas teñan a formación axeitada para o traballo, definir ferramentas e iniciativas que apoien ás persoas na súa formación ao longo de toda a súa vida e establecer un marco de colaboración público-privada.
-
O 'cohousing' ou vivenda colaborativa é un modelo de convivencia que conta cunha ampla traxectoria noutros países como os nórdicos. Entre as condicións e requisitos que se establecen nesta normativa atópase que as instalacións poderán albergar un máximo de 150 persoas cunha idade igual ou superior aos 55 anos. Ademais, os centros contarán con espazos privados -conformados por un cuarto, baño, cociña, salón e rocho- así como zonas de uso común. Así mesmo, tamén se prevé unha sala ou espazo de atención sociosanitaria para a asistencia de persoas que requiran coidados.
-
As novas tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por CC.AA, por diante de comunidades como Andalucía ou País Vasco, avanzando desde o noveno posto do ano anterior, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano. Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia artificial, cabe salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do entorno (4º posto).
-
O presidente da Xunta anunciou que o Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023, os orzamentos máis altos da historia de Galicia, que ascenden a 12.620 millóns de euros e inclúen un conxunto de medidas de impulso para apoiar ás persoas, familias e empresas e fortalecer os servizos públicos. 'Nun contexto económico como o actual temos a obriga, máis que nunca, de axudar á xente a afrontar as dificultades e de que os esforzos se repartan dun xeito xusto e equitativo', destacou Rueda, quen fixo fincapé en que Galicia se converte así 'nunha das primeiras autonomías' en aprobar os seus orzamentos.
-
Galicia ocupa a sexta posición estatal no uso de software libre entre as pemes e as grandes empresasA maioría das empresas galegas empregan software libre, case nove de cada dez empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia (85,2%) o empregan. Nas empresas de menos de 10 empregados chega ao 66,4%, cun crecemento do 10,7% no período 2018-2021, fronte ao 3,9% que medrou a media estatal, reducíndose a distancia de 4,8 puntos porcentuais no 2018 a 0,9 puntos porcentuais no 2021. Son parte dos resultados da análise da presenza do software libre nas empresas galegas elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.
-
Os Orzamentos do vindeiro ano 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis que no presente exercicio. Así llo avanzou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos aos representantes das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia. O titular de Facenda trasladoulle as liñas xerais das contas do ano que vén e que a Xunta presentará a vindeira semana. Neste sentido, explicoulles que Galicia vai priorizar o apoio aos sectores, familias e empresas máis afectadas pola inflación, garantir os medios e o persoal precisos para continuar prestando uns servizos públicos de calidade, e seguir modernizando a sanidade, a educación e as políticas sociais.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2022. Nel destácase que a economía galega minora o seu crecemento (4,4% fronte ao 6,8% de España). O documento está asinado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago , José Francisco Armesto Piña e Fernando González Laxe, coordinador este último do estudo. Segundo indican en nota de prensa, 'nun contexto de elevado grao de incerteza e o mantemento de tensións inflacionistas, a economía galega modera o seu crecemento no terceiro trimestre do ano, que se sitúa no 4,4%, sete décimas menos que nos trimestres anteriores'.
-
Galicia pechou setembro coa segunda cifra de paro (144.109) máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes. Deste xeito, o desemprego baixou en Galicia no último ano nun -5,84% (-8.945 persoas). O paro caeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos liderando o descenso por sexto mes consecutivo a industria (-12,22%). O desemprego tamén baixou con respecto a setembro de 2021 entre os colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos (-9,77%) e as mulleres (-6,23%)
-
Galicia é a 3ª comunidade autónoma cunha menor ratio de débeda por habitante no segundo trimestre do ano, segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España. A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.393 euros, fronte aos 6.699 euros da media española, co que cada galego debe hoxe 2.306 euros menos que a media autonómica. Con estes datos, Galicia, co 17,7%, ten un diferencial positivo de débeda coa media de 7,2 puntos no segundo trimestre, xa que o conxunto das CC.AA. ten unha ratio débeda/PIB do 24,9%.
-
A Xunta de Galicia volveu reclamar hoxe ao Goberno central que actúe de forma eficaz e contundente para frear o fenómeno da ocupación de vivendas impulsando unha reforma lexislativa que, entre outras cuestións, endureza as penas contra os responsables deste tipo de accións e garanta a máxima axilidade á hora de desaloxar os inmobles ocupados. Esta foi a principal demanda que lle trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, con quen se reuniu por primeira vez desde que asumiu o cargo, hai ano e medio.