Noticias
-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Comisión Operativa da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que, entre outros, asistiu o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia (ITSS), Demetrio Fernández. Na reunión aprobáronse os obxectivos e determinouse a actividade prioritaria a desenvolver pola Inspección de Traballo en Galicia ao longo de 2024.
-
A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España, segundo as contas económicas trimestrais do IGE como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo INE. En concreto, o PIB galego incrementouse un 7,6 % en 2021, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado; e un 4,1 % en 2022, tres décimas superior ao estimado nun primeiro momento.Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da Información de Contabilidade trimestral publicada hoxe polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou. Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.
-
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Madrid na inauguración da exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo, na que a Xunta de Galicia colabora coa cesión da réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada polo profesor Javier Fondevila e alumnado do Instituto IES Politécnico de Vigo. O titular de Cultura da Xunta agradeceu ao Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid a súa homenaxe cunha retrospectiva que permitirá reivindicar o papel do galego Antonio Palacios como arquitecto universal.
-
Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,7% no segundo trimestre do ano, a niveis do ano 2012 segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España. Galicia foi ao peche do segundo trimestre de 2023 a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é sete décimas inferior á rexistrada no primeiro trimestre do ano cando foi do 17,4%, e sitúase tamén, tres décimas por debaixo da ratio rexistrada ao peche de 2022 (17%).
-
O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou os resultados do estudo 'A Economía Galega Informe 2022'. A análise conclúe que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución "moi positiva" do emprego feminino. Ademais, valora o "impacto positivo da reforma laboral" na redución da temporalidade e o aumento na contratación fixa-discontinua, malia non acadar unha mellora na contratación en prácticas e formación. O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados (CEA).
-
A Xunta de Galicia convoca axudas para comprar vivendas en centros históricos de Galicia, que poden chegar aos 15.000 €. Trátase do quinto ano consecutivo no que se convocan estas axudas, para promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda, ao abeiro do do Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025. Esta convocatoria conta cun orzamento de 500.000 €, e as axudas parten dun importe inicial de 10.800 €, que se poden ver incrementados ata o 12.800 para persoas menores de 35 anos, e ata os 15.000 se o inmoble afectado está nalgunha das 7 Áreas Rexurbe declaradas en Galicia.
-
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, confirmou a boa evolución do mercado laboral de Galicia tras coñecer os datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social publicados hoxe. Destacou que estes datos, unidos aos coñecidos a semana pasada da Enquisa de Poboación Activa (EPA), constatan que en Galicia descende o paro e estase a crear emprego. De feito, a EPA reflectiu que a taxa de paro en Galicia caeu por debaixo dos 10 puntos -9,6- e que continúa a ser máis baixa que a do Estado -11,6-. No mes de xullo, a comunidade autónoma acadou o número de paro máis baixo de toda a serie histórica por cuarto mes consecutivo con 127.445 persoas sen emprego, a mellor cifra desde hai 27 anos.
-
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, inaugurou hoxe un obradoiro sobre equidade de xénero e inclusión organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa finalidade de dar a coñecer as iniciativas desenvolvidas neste ámbito, moi especialmente, a importancia da perspectiva de xénero na investigación. Na súa intervención, Vázquez destacou que o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 conta co maior orzamento da súa historia (44,7 millóns de euros), co obxectivo de “lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”.
-
A Xunta acaba de recibir unha nova relación de vivendas dispoñibles en Galicia propiedade da Sareb na que a entidade financeira reduce agora a só 187 os inmobles que están actualmente en comercialización na Comunidade e reúnen as condicións necesarias para o seu uso. Esta nova comunicación prodúcese a raíz da reunión mantida a finais de xuño entre o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e representantes da Sareb, un encontro durante o cal o responsable autonómico volveu demandar concreción sobre o parque residencial do que dispón actualmente en Galicia e información detallada sobre a situación particular de cada inmoble.