Noticias
-
Estas son as catro primeiras liñas de subvencións para rehabilitar vivendas que se convocan en 2019 e virán seguidas doutras sete que se convocarán tamén ao longo do primeiro semestre deste ano. En total, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten previsto destinar no presente exercicio preto de 27 millóns de euros á concesión de distintos tipos de axudas para rehabilitación. Dos catro programas convocados, dous van dirixidos a solicitantes particulares (o de préstamos para rehabilitación e o programa Rehaluga) e os outros dous, a concellos (rehabilitación de vivendas de mestres e infravivenda rural).
-
Galicia comezou o ano 2019 con 15.086 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -7,94% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai unha década, xa que en xaneiro de 2009 había 201.316 parados fronte aos 174.800 do pasado xaneiro. Ademais, a caída de Galicia é superior a do Estado en 2,45 puntos, xa que en España o paro baixou nun 5,49%. Por sexto ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de xaneiro. O desemprego tamén baixou nas catro provincias galegas e nas 7 grandes cidades, así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe de “inaceptable” que Galicia teña o peor presuposto do Estado desde hai 17 anos, cun investimento que baixa un 30% na comunidade, fronte a unha suba do 57% en Cataluña. E aseverou que son igualmente inaceptables as explicacións do Goberno central de que o déficit máis grande de infraestruturas está en Cataluña. Diante desta situación, avanzou que a Xunta instará a presentar nas Cortes as emendas aos PXE “para poñer, como mínimo, o que estaba previsto nas anualidades de 2019, nos presupostos anteriores do ano 2018”.
-
Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao Goberno central un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico de Mercadorías en sinónimo de competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que lle permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI. Unhas actuacións que se cifran nun investimento de preto de 3.000 millóns de euros para optar ao cofinanciamento con fondos europeos.
-
Aprobouse para a súa remisión ao Parlamento a futura Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia para facilitar a recuperación de centros históricos e núcleos rurais e protexer as edificacións históricas. Esta lei se enmarca no obxectivo de priorizar a rehabilitación fronte ás novas construcións. A norma diferencia dous ámbitos de actuación: a rehabilitación edificatoria; e a rexeneración urbana, referida a actuacións que afectan tanto edificios como tecidos urbanos. Así mesmo, o novo documento axilizará a tramitación para a recuperación de centros históricos e núcleos rurais.
-
Galicia poderá aplicar desde o 1 de xaneiro as novas rebaixas fiscais previstas para o vindeiro exercicio, xa que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2019, así como a Lei de medidas fiscais e administrativas. Galicia foi a primeira comunidade autónoma que aprobou no seu Parlamento os seus Orzamentos para 2019, evitando a aplicación dunha prórroga orzamentaria que si terán que facer o Goberno central e outras comunidades como Cataluña, Andalucía ou País Vasco.
-
Esta achega será posta a disposición dos interesados entre o 7 e o 9 de xaneiro, para continuar impulsando a eficiencia enerxética e o uso de renovables en domicilios particulares e edificios; e entre empresas, autónomos e administracións públicas. Esta liña de axudas forma parte da Estratexia de Impulso á Biomasa, posta en marcha en 2014 e coa que se leva apoiado xa a instalacións de 5.250 caldeiras en fogares e empresas, cun investimento, ata o de agora, de 52 millóns de euros.
-
Os Orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns e entrarán en vigor o 1 de xaneiro, unha vez que esta lei se publique nos vindeiros días no DOG. As contas da Xunta para 2019 incrementan o gasto en 363 millóns, un 3,8%, o que permitirá reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aplicar novas baixadas impostos. Galicia disporá así de 1.464 millóns máis que en 2014 co obxectivo de fortalecer unhas contas públicas centradas no crecemento, os servizos e as persoas.
-
O salario medio anual en Galicia ascendeu no ano 2017 a 18.463 euros, o que supón a cifra máis alta de toda a serie histórica, segundo revela o último Estudo sobre Salarios que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondente ao ano pasado. Este estudo mostra que no ano 2017 consolidouse a tendencia á alza das retribucións que perciben os traballadores galegos. O pasado ano foi o terceiro consecutivo no que se rexistrou un incremento dos salarios, que no caso de Galicia supuxo unha suba do 1,92% no salario medio anual, un crecemento maior que no conxunto de España, onde foi do 1,78%.
-
Galicia baixou en tres décimas o seu endebedamento público no terceiro trimestre do ano, ata situalo no 18,3%, e xa é a cuarta comunidade autónoma con menos débeda de toda España, só por detrás de Madrid, País Vasco e Canarias, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Banco de España. Ao finalizar o terceiro trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,3%, dúas décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior e tres décimas por debaixo da rexistrada no segundo trimestre. Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,4%) mantense en 6,1 puntos, cando en 2008 estaba igualado á media.