Noticias
-
Galicia pechou o segundo trimestre do ano con menos paro, sendo a terceira Comunidade na que máis baixou o desemprego, tanto en termos absolutos como relativos. A taxa de paro, un 11,33%, é a máis baixa desde que comezou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, superando en 2,69 puntos á taxa media do Estado, que se sitúa no 14,02%. Rexístranse xa máis de cinco anos de baixadas de paro consecutivas na evolución anual con 34.600 parados menos que no segundo trimestre de 2008: a maior caída nun segundo trimestre desde 2005. Ademais, a caída experimentada en Galicia, do -19,77%, supera en 12,33 puntos á baixada media rexistrada en España.
-
O número de fogares galegos que chegan con algunha dificultade a fin de mes baixou no segundo trimestre do ano ata o 34,5%, o que supón o mellor resultado de toda a serie histórica e un descenso de nove puntos respecto ao trimestre anterior (43,6%), segundo recolle a última Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE). Pola contra, os fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade aumentaron no segundo trimestre ata acadar o 65,5%. Este é igualmente o mellor resultado de toda a serie histórica, que comeza no ano 2010. Ata agora, este indicador só superara a barreira do 60% nunha ocasión, no segundo trimestre do ano 2018.
-
O reparto da propiedade destes inmobles aporta un dato novidoso e que constata que se trata dunha opción maioritariamente de pequenos propietarios. De feito, o 82% dos galegos que comercializan unha vivenda de uso turístico contan cun único inmoble en alugueiro. Esta cifra aumenta ata o 93% no caso de arrendatarios cunha ou dúas vivendas. Así, só un 7% dos propietarios dispoñen de máis de dúas no mercado. A análise efectuada amosa a gran dispersión na distribución das vivendas de uso turístico polo territorio, así como a dispersión na distribución da súa propiedade. Hai máis de 6.300 propietarios distintos que libremente deciden poñer a súa primeira ou segunda vivenda no mercado do alugueiro turístico.
-
Alberto Núñez Feijóo, destacou os avances no Barrio da Residencia de Lugo coa demolición do antigo Hospital Xeral e coa licitación de Centro integral de saúde que este mérdores publicará o D.O.G. e que se situará no complexo do antigo Hospital Materno-Infantil, e indicou que o obxectivo é recuperar e humanizar un barrio histórico da cidade e convertelo nun referente de modernidade, innovación, accesibilidade e sustentabilidade,”nun barrio do século XXI”, dixo.
-
A Xunta pon a disposición dos concellos máís pequenos un orzamento de 6,4 millóns de euros para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de outubro de 2019 ou no momento que se esgote o crédito orzamentario. A correspondente disposición ven de ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
-
A Materioteca de Galicia está concibida como a biblioteca de materiais de Galicia e será de libre acceso para deseñadores, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e demais profesionais implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. Trátase dun espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar ás empresas o coñecemento de novos materiais. Os obxectivos da materioteca son dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia e ofrecer un espazo de inspiración aos profesionais involucrados no desenvolvemento de solucións innovadoras.
-
O endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do primeiro trimestre situouse no 18,3% do PIB, segundo os datos do Banco de España, que volve ratificar que Galicia é unha das comunidades autónomas –a quinta– con menor endebedamento, 6,1 puntos menos que a media. Galicia conseguiu reducir nove décimas o seu endebedamento sobre o primeiro trimestre de 2018, que era do 19,2%. En canto á evolución trimestral, o aumento de tres décimas respecto á ratio do cuarto trimestre de 2018 (18,0%) débese á que Galicia concentrou nos primeiros meses deste ano a maior parte das emisións de débeda e dos ingresos do Fondo de Facilidade Financeira de todo o exercicio, ao igual que sucedeu en anos anteriores.
-
Ponse en marcha da Axenda de Impulso da Industria Forestal 2019-2021 co fin de modernizar o tecido empresarial deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da madeira nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. A Axenda da Industria Forestal contará cun investimento de 54 millóns de euros que prevé mobilizar máis de 125 M€. En concreto, destinaranse 14M€ á formación, 8M€ a configurar un ecosistema de innovación, 1M€ á valoración e á cooperación e 31M€ á competitividade e á diversificación. No que respecta a súa elaboración, este plan conta coa participación das asociacións do sector forestal.
-
Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o paro en maio con respecto a hai un ano, superando, ademais, a media de caída de desemprego rexistrada no Estado, con máis de tres puntos e medio de diferencia. Así, a Comunidade galega rexistrou no mes de maio unha baixada do paro do -8,99% fronte ao -5,31% de España. En Galicia, polo tanto, hai 15.891 desempregados menos que hai un ano, polo que o número de parados sitúa á Comunidade en niveis moi inferiores aos de hai unha década. O paro, polo tanto, continúa caendo, 6 anos de xeito consecutivo no mes de maio. O desemprego tamén descende na evolución mensual, nun 3,26% con respecto a abril (-5.421 persoas).
-
Galicia será unha das primeiras comunidades en dispoñer dun censo do solo empresarial, exhaustivo e actualizado, para facilitar a creación de empresas. Co obxectivo de ter mellor información sobre o total de solo empresarial dispoñible no conxunto da Comunidade, será obrigatoria e gratuíta a inscrición no censo de todas as áreas empresariais existentes en Galicia que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización e tamén das áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento. Deste xeito, a obriga comprende a todas as áreas empresariais independentemente de que sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas.