Noticias
-
O Comité de Expertos Económicos de Galicia, en cuxa reunión participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aposta por impulsar novas medidas para facilitar o financiamento das empresas no actual contexto económico a causa do COVID-19, reforzando a solvencia das compañías e o seu crecemento a través de diferentes instrumentos financeiros. Segundo se avaliou no encontro, o papel da Administración debe ser especialmente activo para apoiar os procesos de adaptación dos actores económicos, promovendo instrumentos flexibles e que permitan captar fondos que lles aseguren capacidade suficiente para levalos a cabo. Tamén se fixo fincapé en que é estratéxico fortalecer o tamaño do tecido empresarial.
-
A conselleira de Política Social, Fabiola García, denunciou hoxe no Parlamento autonómico que o Goberno central volve discriminar a Galicia na asignación dos fondos sociais do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Fabiola García lembrou que o ano pasado, o Executivo estatal recoñeceu que Andalucía, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, a Comunidade Valenciana, Estremadura e Galicia estaban a recibir menos cartos dos que lles correspondía da asignación destes fondos. Na proposta de reparto presentada para este ano, Galicia é a única das nove comunidades que actualiza os seus fondos un 0,9%, o correspondente á inflación, fronte ao 15,2% de media que recibirán o resto.
-
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou hoxe dos datos do paro do mes de abril, unhas estatísticas marcadas pola parálise da actividade económica derivada da crise sanitaria do Covid-19 e que está repercutindo no mercado laboral galego. Toca explicou que a pesar de que a Comunidade encadeaba seis anos consecutivos de caída do paro interanual nun mes de abril e descensos intermensuais desde o 2013, estas series positivas vense alteradas pola situación actual.
-
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, trasladou hoxe ao Ministerio de Facenda que Galicia non comparte os criterios de reparto dos fondos adicionais anunciados polo Goberno para afrontar a crise do COVID-19, dado que se afastan dos criterios vixentes no sistema de financiamento autonómico. Nunha videoconferencia na que participaron representantes das comunidades autónomas e do Ministerio de Facenda, o ministerio trasladou que os fondos adicionais serán de 16.000 millóns de euros e aprobaranse a través dun real decreto-lei coa seguinte distribución: 10.000 millóns para gasto sanitario, 1.000 millóns para gasto social e 5.000 millóns para compensar o descenso de recadación nos tributos propios.
-
O comité de expertos económicos de Galicia propón unha vintena de medidas para conter os efectos da crise do coronavirus, medidas que consisten en facilitar liquidez, a través dun adiamento de impostos, anticipos bancarios e créditos a empresas. Así se acordou hoxe nunha reunión por videoconferencia deste comité, na que tamén estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A criterio deste órgano, a orientación das medidas debe ter en consideración o impacto que están a ter os instrumentos de distinta natureza que están utilizando as principais economías europeas. Por iso, as medidas en España deben ir en liña coas que se están a tomar no ámbito da UE, para non afectar á competitividade da nosa estrutura empresarial.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta avalará ata 1.500 euros de anticipo aos traballadores cun ERTE autorizado e que aínda non cobraron as prestacións do Goberno central. Despois de que o Executivo galego leve semanas pedindo ao Goberno de España que axilice o pago das prestacións aos traballadores a cuxas empresas xa se lles aprobou o seu ERTE, Feijóo lembrou que na Comunidade hai máis de 200.000 traballadores afectados por un expediente de regulación temporal de emprego. “Hai miles de familias que aínda non cobraron e necesitan liquidez”, dixo, subliñando o acordo coas entidades financeiras para que os traballadores poidan solicitar un anticipo das súas prestacións de forma inmediata, de xeito que a Xunta avalará 1.500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros.
-
A Xunta iniciou hoxe o primeiro envío de mascarillas tanto a empresas como autonómos dos sectores que retomaron o traballo o pasado luns. Así, antes da fin de semana serán repartidas 350.000 mascarillas aos clusters e asociacións que pecharon as súas peticións no día de onte. Segundo avanzou Alfonso Rueda, a previsión é acadar o envío de preto de 2 millóns de mascarillas ao longo da semana que vén, un material que foi adquirido directamente pola Xunta de Galicia. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes de clusters galegos na que abordaron as necesidades de material do tecido produtivo.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións dentro da rolda permanente de contactos que o Goberno autonómico está realizando cos principais axentes económicos e sociais para dar respostas áxiles, eficientes e consensuadas ante o escenario actual. Entre outros asuntos, durante a videoconferencia, abordouse o retorno hoxe á actividade dos sectores non esenciais. Neste sentido, a Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou unha nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus co obxectivo de garantir a saúde das persoas traballadoras.
-
O Programa do Bono de Alugueiro Social acaba de convocar unha liña de subvencións destinada especificamente ao alugamento de vivendas para vítimas de violencia de xénero, fillos dependentes e vítimas de trata con fins de explotación sexual. Así consta na Resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia en virtude da cal as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e ata o próximo 11 de decembro de 2020, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario: 2.050.000 euros repartidos entre as anualidades de 2020 e 2021. Cómpre lembrar que a Xunta creou o Bono de Alugueiro Social específico para víctimas de violencia de xénero en 2019, concedendo nesa primeira convocatoria un total de 120 axudas.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde , pediu hoxe ao Goberno central que rectifique e solicita que transfira a Galicia os 100M€ que lle corresponden para formación, permitindo, deste xeito, a reactivación do mercado laboral galego unha vez se supere a crise do COVID-19. Coa súa decisión o Executivo estatal racha as oportunidades para que Galicia e o seu tecido produtivo poidan saír da situación actual nas mellores condicións posibles, xa que a mellor política social que se pode desenvolver é unha política de emprego para a que eses 100M€ son fundamentais de cara a impulsar a formación, xerando oportunidades a empresas e traballadores.